O club de lectura de 3º de PDC
mantén a liña do teatro nos meses de febreiro, marzo e abril. Esta vez
escollidos “Servizo de Urxencias” de Suso de Toro, que é unha recopilación de
quince guións dunha minicomedia de situación emitida pola TVG en 1990. Cada
capítulo é un guión, polo que imos a razón de capítulo por semana.
Está ambientada no servizo de urxencias dun gran hospital, e en clave
paródica e de humor negro, traballan estes personaxes:
-
O
Doutor Dapena, Xefe de Servizo, case nunca aparece polo traballo pois ten a
"enfermidade do sono".
-
O doutor
Paulino Pereiro Pereiro, solteiro entrado en anos que nunca se estreou nin atopa
moza, a quen súa nai, coa que vive, procura ter sobrealimentado.
-
A
doutora Chus Nespereira Nespereira, co seu mozo infiel profesor de instituto.
-
A
enfermeira Encarna -Encarnación Silva Silva-, feminista con mozo veterinario ao
que lle gustan os animais e desencantada dos homes, pois pensa que son todos un
rabaño de burros.
-
O
celador Cipri -Cipriano Vilariño Vilariño-, un pícaro simplón, popular e
enxeñoso que instala no centro o seu chiringo de empanadas e obxectos (bolis,
reloxos de propaganda...) dos pacientes.
Gústanos porque cada capítulo é unha situación diferente: un
"paciente" vai porque precisa un preservativo; outra ten caspa; un
borracho, crendo que segue no bar, pide máis alcol; un rapaz esposado por roubar
radiocasetes fuxe porque tamén roubara os dos sanitarios; o Papá Noel duns
grandes almacéns foi agredido por unha nena pois confundiu os regalos: deixoulle
a ela a boneca inflável que pedira o pai e a este a Barbie...
Os tratamentos para tales males tamén hai que telos en conta: o mozo tartamudo
de Encarna cúrase cos callos picantes de Paulino; Encarna soluciona o problema
dun borracho agarrándoo polas súas partes; e Cipri, que suspendeu un exame de
técnico sanitario, fai prácticas coma se fose médico aplicando remedios tan
elementais pero efectivos como una patada no traseiro, aínda que ás veces tamén
se equivoca: mestura as radiografías do marido cirrótico e a muller embarazada,
e vende a exclusiva de localizar a un home embarazado.
Este humor negro, tan presente na cultura popular galega, baséase sobre
todo nos xogos de palabras e nos equívocos. Obra altamente recomendable para
ler en grupo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario