Páginas

miércoles, 21 de mayo de 2014

Reunión Club Lectura PDC

O venres 16 celebramos a última reunión do club de lectura de PDC  deste curso para falar do libro A punta de pistola, sobre o que tiñamos opinións moi distintas. 
Cando a profesora nolo presentou como a obra que resultara gañadora do concurso "Relatos de verán" de La Voz de Galicia, no que a nosa ex profesora Clara Rodríguez quedara de finalista, comezou a picarnos a curiosidade e puxémonos a ler. Con todo, ao pouco, xa nos desanimamos: tiña unha estrutura moi difícil, parecía que un capítulo non tiña nada que ver con outro. Pero non tardamos en decatarnos de que había dúas historias paralelas. Unha familia desestruturada, cos nenos nun centro de acollida, deciden rescatalos a punta de pistola; tras unha fuxida  chea de aventuras e delitos, na entrada da Coruña atópanse co camión no que vai Camila, unha camioneira da que eles non saben nada... pero nós si, e coa que teñen algunha relación.
Non vos podemos contar o final, pero é moi sorprendente. A Mónica sorprendeuna moito, sobre todo a actitude de Pixie (o fillo chamábase coma o gato dos debuxos; xa adiviñaredes como lle puxeran á filla!!
Dixo Iván que " Rica e O Varas non se queren; en cambio,  Camila e Lolo si aínda que non estean xa xuntos". Esta afirmación levounos a falar dos tipos de amor que aparecen na novela: o amor pais-fillos, o amor adolescente, o amor profundo que sobrevive a unha ruptura de parella.... Pero, como di Víctor, non todo é amor, tamén está o tema das drogas, do paro, da responsabilidade familiar... E o gran tema da novela é, apunta Diego, o das vidas paralelas, de como na vida chegamos a cruzarnos con xente moi distinta a nós, que nunca imaxinariamos.

Logo de falar un anaco de camións, carnés, drogas... e aclarar cuestións entre todos, xa non nos parecía tan difícil, todo encaixou. E ata nos atrevemos a recomendárvolo, sobre todo a aqueles aos que lles guste ler sobre temas da vida vida real, coas súas alegrías e as súas dificultades.


Por certo, esta foi a nosa última lectura como club de lectura PDC. Seguiremos lendo, e agardamos que vós tamén!!
Ata sempre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario