No século XIV entrou en Galiza unha nobreza moi guerreira e que atacaba os mosteiros, os bispos, os burgueses e os campesiños. Esta nobreza xurdira despois das loitas de Pedro I "o Cruel" e Henrique II. Eran os Osorio en Lemos e Sarria, os Andrade en Pontedeume, osSarmiento, os Ulloas, os Sotomaior ... Loitaban contra as institucións e despoxábanas violentamente das riquezas que lles pertencían. A época conflitiva en Galicia foi no século XV. Dos constantes conflitos sociais salientan as "Guerras Irmandiñas" que foron dúas: a primeira denomínase “Irmandade Fusquenlla”, e a segunda, “Grande guerra Irmandiña”.
As primeiras irmandades formáronse contra o bispo Diego Xelmírez, contra quen se levantaron varias veces os burgueses e parte do clero de Compostela (1116 e 1140).
IRMANDADE FUSQUENLLA
A Irmandade Fusquenlla formouse no ano 1431 nas terras do señor de Andrade, pola extrema dureza coa que Nuno Freire de Andrade, o Mao, trataba os seus vasalos, empeorada con motivo da visita do infante Henrique de Aragón a Galicia para o que botou man dun tributo especial. A revolta iniciouse nas comarcas de Pontedeume e Betanzos e chegou a espallarse por Lugo e Mondoñedo e a derrubar algunha fortaleza nobiliar, como o castelo dos Andrade na vila de Pontedeume.
As disensións internas fixeron que a revolta fracasase ante as tropas dos Andrade, o rei deCastela e o arcebispo de Santiago. Roi Xordo, un fidalgo da Coruña, dirixiu as tropas da Irmandade Fusquenlla e morreu na represión posterior á desfeita irmandiña.
DRAMATIZACIÓN SOBRE A REVOLTA IRMANDIÑA
GRANDE GUERRA IRMANDIÑA
A Gran Guerra Irmandiña tivo lugar nos anos 1466-1469. Chegara o momento en que "os gorrións habían de correr tralos falcóns". Os preparativos para a formación dunha Irmandade Xeral comezaron anos antes por parte de Afonso de Lanzós e co apoio de varios concellos (A Coruña,Betanzos, Ferrol, Lugo) que actuaron de motores iniciais do movemento. Neste caso, a revolta irmandiña foi unha auténtica guerra civil pola variada e numerosa participación social que chegou a provocar.
A causa da revolta popular foron as malas colleitas e as fames derivadas destas, a peste e tamén abusos cometidos polos cabaleiros e prelados. Sobre estes últimos, no preito Tabera-Fonseca hai múltiples testemuños nos que se denuncia as tropelías realizadas:
Segundo os testemuños do preito Tabera - Fonseca, os irmandiños serían arredor de 80.000 persoas. Na organización e desenvolvemento da guerra irmandiña participaron varios grupos sociais: campesiños, xentes das cidades, baixa nobreza e fidalguía e algúns membros do clero, como coengos composteláns que apoiaron economicamente o movemento irmandiño. Os xefes militares do movemento pertencían á baixa nobreza e foron os seguintes:
- Pedro de Osorio actuou no centro de Galicia, sobre todo na zona de Compostela.
- Alonso Lanzós dirixiu a revolta na zona norte de Galicia.
- Diego de Lemos dirixiu as accións irmandiñas no sur de Lugo e norte de Ourense.
O auxe do movemento irmandiño foi posible pola existencia do que o mellor estudoso do período Carlos Barros chama "mentalidade xusticeira e antiseñorial" da sociedade galega baixomedieval, que rexeitaba as inxustizas cometidas polos señores, considerados popularmente como uns “malfeitores”.
Os inimigos dos irmandiños foron fundamentalmente nobres laicos, donos de castelos e fortalezas, encomendeiros das principais igrexas emosteiros. Os irmandiños destruíron arredor de 130 castelos e fortalezas nos dous anos de guerra irmandiña. As liñaxes dos Lemos, Andrade e Moscoso foron o branco preferido dos irmandiños. Os irmandiños, por contra, non atacaron os eclesiásticos. Nun primeiro momento parte da nobreza obxecto da ira irmandiña fuxiu cara Portugal ou Castela.
Fonte: wikipedia
No hay comentarios:
Publicar un comentario