Mostrando entradas con la etiqueta Roteiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Roteiros. Mostrar todas las entradas

sábado, 18 de febrero de 2017

Roteiro "Camilo José Cela"


O 18 de febreiro os integrantes do Club de lectura "Ä lus de San Finx" acercámonos ao Gaias para ver a exposición "O Centenario dun Nobel",exposición adicada ao noso Premio Nobel Camilio José Cela; os máis pequenos quedaron facendo un obradoiro "Cóntame un conto", ao final poderedes ler o resultado... Tras esta visita acercámonos a coñecer a Biblioteca "Ánxel Casal" e escoitamos un contacontos que nos encantou, igual que a Biblioteca, gustaríanos ter unha parecida .... Xa preto das dúas da tarde collemos o tren na estación de Santiago de Compostela para dirixirnos a Padrón; para moitos de nós era a nosa primeira viaxe en tren, e foi unha experiencia inesquecible. O tren acadou máis de 130 km. por hora, aínda que parecía que iamos despaciño...
Chegamos a Padrón e fomos comer a Galipark en Extramundi. Alí xogamos despois ao Paintball Laser e tamén visitamos a Fundación Cela, onde nos acercaron por medio dos obxectos que alí se custodian á vida do Cela escritor, coleccionista, actor, censor....
E como o prometido é débeda, aquí podedes ler o pequeno relato que artellamos:


Luz converteuse en pantasma fai un século, aló polo 1917, cando aínda era una nena. Dende entón vive nun inframundo chamado Gótica rodeado de espectros coma ela.
Non lle gusta estára alí e por iso leva moito tempo cavilando como pode facer para escapar.
O Señor do Inframundo é a pantasma mais poderosa de toda Gótica. É poderosa porque coñece todos os trucos e feitizos, aprendeunos todos a través do Libro dos Diaños.
Aproveitando un descoido, Luz consegue arrincar una páxina do libro na que se explica como crear un portal que lle permita escapar de alí e voltar ao mundo dos vivos.
O día que consegue activar ese portal ten tan mala sorte que no canto de poder sair ela, cae dentro do inframundo un rapaz chamado Lucas. Luz ó principio alporizase moitísimo, pero cando cae na conta de que Lucas está moi asustado comeza a sentir compaixón por el.
Pouco a pouco van trabando amizade e sorteando os perigos do inframundo, o feitizo para abrir a porta entre os dous mundos só se pode empregar nunha data concreta así que durante este tempo Luz deixa de ser un ser resentido e escuro e vaise facendo mais alegre e sorrinte.
Cando ese día por fin chega, caen na conta de que é imposible que os dous crucen o portal ó tempo. Sentíndose culpable, Luz obriga a Lucas a marchar. Así o rapaz consegue voltar cos seus seres queridos e Luz resígnase a quedar eternamente en Gótica.

Pero a súa alma é tan bondadosa agora que sacrificou a sua oportunidade por devolver a Lucas á súa casa que é posible que non quede para sempre no inframundo.

sábado, 9 de mayo de 2015

Roteiro Xaquín Marín " Humor a carón do mar"

Este sábado fixemos un percorrido pola Ría de Ferrol relacionado co humor. Comezamos polo Museo do Humor de Fene, onde aprendemos moreas de cousas sobre Xaquín Marín, Siro e outros humoristas galegos e do resto do mundo.


Visita ao Museo dos alumnos/as




 Visita dos adultos ao Museo


Vendo o vídeo explicativo do Museo


Obradoiro de viñetas dos alumnos/as





Taller de animación á lectura dos adultos





Tras unha pausa para a comida, comezamos a visita de Ferrol polo Asteleiro Navantia, onde visitamos o museo, os diques 2 e 3 e parte da factoría.


Posteriormente dirixímonos ao Castelo de San Felipe, a estrada deixounos ver vistas maravillosas da praia e lagoa de Doniños e do Porto Exterior.

No Castelo de San Felipe metémonos na pel do destacamento que o protexía dos piratas e dos exércitos invasores. Non tivemos ningunha baixa!!


Finalmente fixemos un percorrido por Ferrol en feminino dende o Porto ata o Teatro Jofre, cunha degustación dos excelentes churros e buñuelos da Bola de Ouro.
Un día moi intenso... pero que mereceu a pena...
Cales foron as vosas impresións?

sábado, 14 de marzo de 2015

Roteiro literario Avilés de Taramancos "Alma de beiramar"

Cando a finais do curso pasado decidimos que o proxecto documental integrado para este curso era O Mar e os Océanos buscámoslle un título. Que mellor que atopalo na obra de Avilés de Taramancos. "Alma de Beiramar" xurdiu do seu libro de poemas "A través do espello". Impoñíase un roteiro por Noia adicado ao autor. E velaiquí o tedes:





 Comezamos visitando o Museo do Mar de Noia por onde nos guiou Félix González, quen nos relatou a historia que liga Noia e Lousame co mar: Motores Ayón e O Forte; marisqueo e tráfico marítimo. Tamén cal foi a relación de Antón Avilés co mar, utilizando poemas que leron Laura, Lucía, Eva e Alisa. Contounos quen era O Andrucho e vimos tamén a fotografía de Olga, o seu barco, ambos recordados nos poemas e textos de Avilés. Falounos da fauna mariña e dos especimes cos que conta o museo, tanto de cunchas, osos como de fósiles. Por último, levounos a bordo do seu barco co que tivemos que afrontar unha tempestade que puxo a proba as nosas aptitudes como mariñeiros/as.
Atracamos en porto seguro sans e salvos... e moi divertidos!




Despois fomos ata a sede da Editorial Toxosoutos e Gráficas Sementeira, onde nos recibiu D. Manuel González Millares, o seu xerente, quen nos amosou como se imprimían os libros antigamente, e como se fai hoxe en día. Agasallounos ademáis coa "Aproximación didáctia á obra de Antón Avilés de Taramancos" do que están a publicar a súa segunda edición.







Posteriormente o noso roteiro transcurriu polo centro de Noia, con parada na Praza do Tapal, onde lemos fragmentos dos artigos "Noia" e "Os tempos do wolfram" do libro recopilatorio Obra Viva 


Pasamos despois pola Tasca Típica, negocio que rexentara Avilés no seu retorno a Galicia, e alí esperábanos unha sorpresa: Santiago Avilés Baquero tivo a amabilidade de acercarse para falarnos da figura do seu pai e responder ás preguntas que sobre el lle fixemos.

Pola tarde, despois do xantar na Pizzería Venecia dirixímoso á última parte do noso roteiro: A visita ao Pazo Varela Radío onde as palabras do seu propietario D. Manuel Varela Uña guiáronnos dende as páxinas do seu libro ""De memoria. A fuerza de tiempo" do cal lemos un fragmento que describe a casa e a monumental entrada


Manuela Suárez amosounos os xardíns: as palmeiras e araucarias, as dúas bidwilliis (ver 22F), os magnolios, camelias, satíns, fayas, loureiros etc... Deunos tempo a descansar nos miradores, cantando repichocas e lendo os artigos:  "Elexía de vellas árvores e antigos perfumes" e "O noso mar: unha leira que ninguén traballa" de novo do libro Obra Viva. Por último rematamos o roteiro coa lectura do poema "A Cerdeira" do libro Cantos Caucanos.




Creo que nos soubo a pouco, de modo que aquí vos deixo coa propia voz de Antón Avilés de Taramancos, quedan nas vosas mans os seus libros para que os gocedes.

O noso máis sinxelo agradecemento a Félix, Manuel, Goretti, Ángel, Óscar, Santiago, Veiras, Manuela e acompañantes polo seu apoio, o seu saber e o seu tempo.

sábado, 13 de diciembre de 2014

Roteiro Miguelanxo Prado...de cine!

Nesta ocasión adicamos o noso roteiro a un ilustrador: Miguelanxo Prado e ao cine en galego.
Para iso, dirixímonos á Coruña, onde naceu Miguelanxo Prado hai uns cantos aniños... alí, e antes de falar de Miguelanxo, dirixímonos ao MUNCYT, ou Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, onde temos uns desafíos que resolver (Pasámolo bomba con Pepexán e Marilú).



Despois tiñamos pensado pasear polo parque da torre de Hércules para ver o seu parque escultórico e ler algunhas lendas relacionadas con el, pero a tarde foi desapacible. Tomamos un café nos Rosais de Coruña onde atopamos unha estupenda exposición de figuríns das películas O Señor dos Aneis e o Hobbit.


Xa pola tarde volvemos cara a Santiago de Compostela onde visitamos a exposición CineGalicia25 no Gaiás onde teñen unha mostra moi representativa do noso audiovisual.



E por último rematamos coa exposición Mar Interior sobre Miguelanxo Prado no Museo das Peregrinaciones e de Santiago.



miércoles, 14 de mayo de 2014

Roteiro "Díaz Castro"

Este sábado realizamos o derradeiro roteiro literario deste ano, unindo o noso PDI "A fraga máxica" coa celebración das letras galegas, arredor da figura de Díaz Castro. Comezamos cunha visita ó Mosteiro de Sobrado dos Monxes, e tivemos como guía ben ameno ao irmá Lorenzo (Lawrence) que nos amosou as dependencias.

Aquí nos tedes na sá capitular escoitando atentamente as explicacións sobre a vida dos monxes, concretamente sobre "chamar a capítulo" e a regra de San Benito.

E despois da visita ó Mosteiro, achegámonos á Carballeira da Casa do Gado, onde se rodou gran parte da película "El Bosque Animado" unindo así este roteiro co que xa fixeramos en xaneiro arredor da figura de Wenceslao Fernández Flórez  e a mítica Fraga de Cecebre.


Despois buscamos o carballo de Portacal en Cumbraos, e digo ben buscamos porque atopábase un kilómetro e medio máis aló da igrexa. Finalmente e como o tempo apremiaba e o programa era moi denso , desistimos por esta ocasión de facerlle unha visita. Queda pendente con moitas outras cousas interesantes que podemos ver por esta zona: (o campamento romano de Ciadella, a Cova da Serpe, o zoo de Marcelle.... hai moito mundo por descubrir!!)

Comemos nunha zona preciosa a carón do río Parga, e chegou a ora de ir comprar os xeados! Tamén aproveitamos para facer experimentos como a estrena do noso Kamishibai coa biografía de Díaz Castro, montada grazas ó traballo xerosamente compartido pola biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica e atrevímonos a ver cómo quedaba un pequeno video rodado coa nosa cámara da biblio.
E no mesmo Parga tivemos a sorte de que se nos unise don Alfonso Blanco enamorado da poesía de Díaz Pardo e coñecedor de todos os lugares que o acompañaron. No propio autocar, aproveitamos para ler varias poesías de Nimbos, mentras don Alfonso nos levaba polos sitios máis emblemáticos para o autor: a pequena igrexa de San Xoan onde están soterrados os restos do poeta, a Casa Consistorial e por suposto na Ruta da Auga e da Pedra: a dos Sete Muiños.

Aqui nos tedes, en Sete Muíños posando para o periódico "El Progreso" de Lugo, aínda que isto foi anecdótico... en realidade o protagonista eran Don Alfonso e Díaz Castro, como era de xustiza. Xa que non o mencionei antes, dicir que os poemas que limos foron:  Penélope, Esmeralda, Coma brasas e Quezais.

E a tarde estaba reservada á Fortaleza Museo de San Paio de Narla, onde fomos acollidos con agarimo por Francisca  que nos fixo de guía e animadora pola historia e dependencias da fortaleza. 
(Non vos perdades a súa crónica sobre a nosa visita AQUI)

Era unha tarde moi agradable e non nos cansabamos de escoitar a Francisca, pero non sabiamos que San Paio estaba tamén habitado por seres un pouco máis inquietantes e molestos... Por exemplo, na lareira do primeiro dormitaba unha bruxa que marchou continuar a súa siesta a outra parte ante o griterío dos nosos nenos e nenas.

Non era a única visita incómoda que teríamos xa que unha fada mala saiu da sala do tear, como se tivese gañas de enfeitizarnos e facernos durmir máis de cen anos... Menos mal que Francisca a detivo e a mandou de volta polos sotos da fortaleza

Xa no alto da torre, tras ter visitado todo o museo fixemos unha parada para ler o poema Nimbos, coas vistas inmellorables sobre a Terra Cha que nos cercaba.

O resto do tempo foi para un obradoiro de poesía ou relato arredor dunha peza do museo elexida por cada un dos nenos ou nenas que despois colorearon e pegaron nunha cartolina que temos expostas diante da nosa biblioteca.

Amosando as súas creacións...

mentras no ambiente flotaba o inconfundible cheiro a ...


...PALOMITAS!! e que neste museo pensan en todo! unha sorpresa moi agradable que agradecemos ao persoal do museo que nos tratou cunha amabilidade extrema en todo momento e que dende logo non esqueceremos.
Pero antes de coller o camiño de volta sacamos as mochilas para dar conta das merendas que quedaban.. que aínda faltaba moito para chegar a casa.


A nosa última parada foi para pechar o círculo e ver a lagoa de Sobrado dos Monxes. E recordando que o río Tambre nace neste concello, collemos carreiriña e voltamos para casa, cun pequeniño retraso como sempre... pero contentos. Estamos desexando xa que o vindeiro curso comece para ver que roteiros nos deparan as nosas lecturas. 

Pero ata entón, ainda queda a II FESTA DA LECTURA con máis sorpresas.
GRAZAS POR ACOMPAÑARNOS E POR LERNOS.
- e grazas tamén por deixar os vosos comentarios -


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...