O exame de literatura
Aquí tedes un exame que acabo de corrixir, que, como podedes ver, entre o que esqueceu e o que inventa vouno ter que suspender! A non ser que lle botedes unha man e lle digades que cousas ten que poñer ben. Eu en total contei 12.
Álvaro Cunqueiro naceu fai cen anos no mes de decembro, o vintedous creo, nunha vila (1) de Galicia onde viven os mindoninos,. Os seus país foron Pepita e Joaquín, e el foi o segundo de cinco irmáns. De neno tivo unha infancia moi feliz pero cando o enviaron ó Instituto de Lugo custoulle adaptarse. Alí fíxose amigo doutro alumno (2) co que lle gustaba ler contos de lobos á lus do candil.
Fíxose grande e veu estudar a Santiago; gustáballe moito ler, e as tertulias nun café (3) que aínda está na esquina da praza de Galicia enfronte dun hotel, bo!, é moi vello claro, e ten mesas verdes desas antigas. É moi famoso… pero non me lembro do nome. En Santiago fíxose amigo de outro escritor famoso (4), un de Ferrol… que tamén cumpriu o centenario o ano pasado; e coñeceu outros persoeiros máis...
Máis adiante editou dúas revistas (5) Xogaina e Retranca, creo, e pola Guerra Civil instalouse como profesor nunha vila (6) que é famosa polo seu festival folk.
Rematada a Guerra Civil, e xa por Madrid, manifestou a súa admiración por un tipo (7) que tamén era moi famoso, que hasta lle fixeron unha película! Sí, saía Ariadna Gil, e o guión baseábase nunha novela famosa dun tal Cercas.
Despois coñeceu unha moza que se chamaba (8) como unha das fillas do Cid (isto subirame a nota non profe?) e casou con ela.
Respecto á súa obra, escribiu contos, poesías, ensaios... nos títulos aparecen os nomes de outros personaxes literarios famosos: (9) Romeo, Aquiles, Gandalf e Popeye.
E gustáballe moito a comida; incluso fixo un libro de cociña (10) que teñen as cociñeiras. E tamén lémbrome que na nosa biblioteca hai un libro dun amigo seu (11) que fala da alma de Galicia, un libro vello deses que é granate por fora, se ata o vin que estaba cos que falan de Galicia e o folclore e tradicións.
E morreu o 28 de febreiro, e quería que lle puxeran de epitafio (12): “Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria.” – ou este era o de Lois Pereiro? Mimá! Pa min que me trabuquei de chuleta.
Bueno profe... darame para aprobar?
Escribe as túas respostas e envíanolas antes do 22 de decembro nun correo electrónico a lendoenlousame@hotmail.es, ou tamén podes introducir unha folla coas respostas no buzón de Dinamización Lingüística. Non esquezas indicarnos o teu nome, apelidos e curso!
1 comentario:
Estimados alumnos/as: Ante todo quero dar as grazas ós/ás 32 alumnas e alumnos participantes neste concurso un pouco bromista...
Segundo felicitarvos porque a porcentaxe de respostas acertadas foi altísima... e dentro das non acertadas andábades bastante cerca. É certo que tamén houbo quen se perdeu los labirintos da world wide web... recoméndovos neses casos un paseíño pola biblioteca para que vos orienten un pouco. E sen mais paso a desvelar cales eran as respostas correctas:
1- Mondoñedo.
2- Anxel Fole.
3- Café Derby.
4- Gonzalo Torrente Ballester.
5- Galiza e Papel de Color.
6- Ortigueira.
7- Rafael Sánchez Mazas.
8- Elvira Herrera.
9- Merlín, Simbad, Hamlet e Ulises.
10- A Cociña Galega.
11- José Mª Castroviejo.
12- "Eiquí xaz alguén, que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveiras máis".
Quen foi o rapaz ou rapaza que tivo máis respostas acertadas?. Próximamente neste blog...
Publicar un comentario