A nosa lectura común deste trimestre tróuxonos polas nubes, nunca mellor dito; foi Corazón de Xúpiter. Dende o comezo xa nos enganchou, tíñao todo para gustarnos: xente da nosa idade, cos nosos gustos, a nosa maneira de moverse no mundo, as mesmas ideas, amores, ... Aínda que tiñan moita máis liberdade ca nós: "facían festas nas casas, incrible", di Mateus. Se cadra eran un pouco maiores ca nós.
A Víctor iso de que comezara in medias res (así o dixo el, non creades), descontrolouno un chisco. Pero a verdade é que a lemos de moi boa gana e a moi bo ritmo, esperando a ver como remataba a historia de Isla e Xúpiter. E vaia final!
Na reunión de posta en común coincidimos: a ningún de nós nos gustou nada. Si, xa sabemos que a vida é así, pero a protagonista merecía mellor sorte. Alba di que o primeiro que lle veu á cabeza foi o final de Unha estrela no vento; poida que á autora lle gusten estes finais desgrazados.
Tamén comentamos un anaco a aparición dunha moza lesbiana entre os personaxes; parécenos natural porque reflicte a realidade, pero sorprendeunos porque vímolos pouco nas lecturas.
E finalmente falamos de internet e das redes sociais e os seus perigos; neste aspecto é un libro realista e cremos que quere deixar unha mensaxe de "moito ollo con elas", como di Iván.
En fin, que estamos desexando que nos visite Ledicia Costas o 18 de marzo para comentar a obra con ela e facerlle preguntas como:
- Rexión é A Coruña?
Xa vos contaremos como foi o encontro.

No hay comentarios:
Publicar un comentario